ACCIONAMOS O MAPA DAS ILLAS

O xoves 3 de maio accionamos o mapa das illas cos alumnos de quinto e sexto de primaria do CEIP Chancelas. Eles mostraron ós alumnos de infantil e primaria como viaxar no mapa das illas. A intervención educativa pechouse cun seminario dirixido pola Asociación Arte en Tránsito onde lles explicamos ós profesores do CEIP Cancelas de Poio o proceso creativo da peza. Aquí vos deixamos unhas imaxes da experiencia.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

CÓDIGO QR

O código QR  que integramos na peza é unha imaxe que, ó capturala co móvil, conecta con este blog. Decidimos expoñelo dentro do mapa das illas para que calquera visitante poida coñecer a proposta educativa.

O noso obxectivo é captar a atención dos mozos e mozas que visitan o mapa das illas os fins de semana e que, a través desta ferramenta – hoxe tan visible nos medios de comunicación – accionen nun espazo que eles tamén habitan.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

CARACTERÍSTICAS

O mapa das illas é unha proposta deseñada para recuperar os baixos do CEIP Chancelas de Poio e propor a todos os visitantes viaxar  polas calidades do movemento do precursor da danza educativa moderna de Rudolf Von Laban.

O xogo implica unha inmersión nos territorios imaxinarios das illas e unha apropiación das calidades do movemento: ondulada, continua, lixeira, recta, contida, lenta, descontinua, forte e rápida… todas elas caracterizan o movemento cotián, que empregamos cada día, e tamén o movemento artístico que atopamos nas obras de danza e do teatro.

Esta ilustración no espazo público é unha proposta patrocinada pola asociación “Arte en Tránsito” que ven de traballar durante o ano colaborando co centro achegándolles a arte contemporánea ós máis pequenos.

Dentro do mapa das illas calquera visitante tomará decisións sobre o seu desprazamento causado por elementos naturais e imaxinarios – como o vento ou a transformación en animais, plantas ou seres marabillosos -; que provocarán unha forte ampliación do vocabulario psicomotriz do alumnado.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

INSTRUCIÓNS

No chan atopamos cinco illas. Cada unha ten un nome e unha descrición que guiarán o movemento individual e grupal mudando as calidades de movemento dos visitantes. As illas deste arquipélago imaxinario son:

* A ILLA DAS ALGAS GLOBO: É a única illa somerxida do arquipélago. Nela habitan algas globo, son longas, verdes e onduladas, medran obsesionadas por sair riba do mar a velo sol.

* A ILLA DAS TOLAS: Un vento quente e veloz habita na illa e volveu tolas a todas as mulleres. Elas sentiron o aire nos brazos, nas pernas, no peito, na cara e nunca máis puideron deixar de bailar.

*A ILLA CATRO PATAS: Cangrexos, gatos, ras e elefantes mutantes poboan esta illa con forma de artesa.

*A ILLA DAS ROSAS ELÉCTRICAS: As rosas eléctricas son unha especie en perigo de extinción. Esta illa é a maior reserva do mundo destes fermosos robots con espiñas que emiten descargas de tristura. Debemos atravesalas con moito tino de non tocalas, xa que atoparemos centos de roseiras en estreitas corredoiras.

*A ILLA DOS XIROSALTOS: Os xirosaltos son uns animais divertidísimos e lixeiros. Gústanlles festexar, cantar e bailar, xirando e saltando.

O arquipélago semella un “mapa do tesouro”. O tratamento do debuxo lembra os mapas dos contos de piratas que forman parte do imaxinario do alumnado. Cada illa ten unha ilustración diferencial que indica a situación ó visitante, que viaxará dunha illa a outra transformando o seu desprazamento según as calidades de movemento asociadas a cada área.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

INFLUENCIAS

No xerme desta proposta conflúen múltiples influencias: a Illa de Tambo que é o elemento máis singular da paisaxe no que se atopa o centro educativo, o pirata Francis Drake que forma parte da historia da illa, o interese das artistas pola ilustración no espazo público e os grafitti que atoparon nas paredes dos baixos obxecto da intervención.

Os míticos mapas do tesouro, a illa como símbolo icónico da viaxe e do descubrimento – tanto na arte coma nos relatos marabillosos – e no centro unha proposta pedagóxica:  o traballo coas calidades diferenciadas do movemento e o tratamento que se fai delas na danza educativa.

Estas son as influencias que cruzan o mapa das illas, unha proposta de educación artística que foi especialmente deseñado para o CEIP Chancelas de Poio.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

AUTORAS

As artistas Branca Novoneyra e Paulova escolleron os baixos do CEIP Chancelas de Poio, un espazo esquecido e  sen uso específico, no que os mais pequenos xogan nos recreos e os adolescentes visitan os fins de semana. Decidiron proxectar un arquipélago imaxinario para habitar este espazo.

Branca Novoneyra licenciouse en Ciencias Políticas en Santiago de Compostela e cursou estudios de doutoramento en Educación Artística na Universidade de Granada.

Desenvolve o seu traballo como performer  colaborando con músicos, poetas e videoartistas en diferentes colectivos.

En 2009 publica Dentro do Labirinto sobre o que compón unha serie de propostas escénicas que materializan a súa poesía fora do papel: Nexus 6 (2008), Game Over (2009) e Aneis (2010). Escribe sobre danza e poesía para publicacións especializadas. Cunha escolma da súa poesía gañou “La voz más joven” 2010 da Obra Social Caja Madrid.

Paulova é o pseudónimo que utiliza a artista plástica Paula López Vallejo (Lugo, 1983) para presentarse ó público.

Licenciada en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra (2005-2010), Paulova colabora en varios proxectos artísticos, soa ou co seu grupo De Botero a Bo Derek xunto co seu compañeiro Manu Mimé.

Pasou por espazos como o Museo Ramón María Aller, Lalín; a XXXI Bienal de Pontevedra, Sexto Edificio do Museo de Pontevedra; Kaldarte 2010, Caldas de Reis; Alg-a Lab, Vigo; Centro Uxio Novoneyra, Lugo; Centro Torrente Ballester, Ferrol; Auditorio de Ribeira; IKAS ART 2010, Bilbao; Pazo da Cultura de Pontevedra entre outros. Actualmente pódese ver parte da súa obra na Galería About Art , así como no Pazo da Cultura ambos  na cidade de Pontevedra.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized